Plataforma Montes Do Morrazo‎Roteiro pola protección do monte Gagán

Cartaz do evento

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 10 de maio un novo roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da contorna do monte Gagán, sito entre as parroquias de Santo Tomé de Piñeiro (Marín), Domaio e Meira (Moaña) e San Adrián de Cobres (Vilaboa), e integrado dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, en solo rústico de especial protección de espazos naturais polas NN CC e SS de Planeamento da provincia de Pontevedra.

O roteiro, segundo desta primavera, será circular e sairá as 11 da mañá da área recreativa de Chan de Lagucheiros, para chegar ás 14h., ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por camiños e corredoiras do sendeiro do rego da Fraga e do GR-59 da Ecorrota do Morrazo por Chan de Lagucheiros, Marco de Gagán, ribeira de nacemento do rego da Fraga, Seixos Brancos, Chan de Xestoso, Coto do Home, Chan de Carqueixa, Chan de Arquiña, ribeira do nacemento do rego dos Ladróns, monte Gagán, ribeira de nacemento do rego Noias, Chan de Lagucheiros.

Os puntos de maior interese a visitar son as plantacións forestais con carballo e castiñeiro de Chan de Lagucheiros, plantacións forestais con bidueiro, castiñeiros e freixos de Marco de Gagán, área de ribeira do rego da Fraga e o seu afluente dos Ladróns, rochas cuarcíticas de Seixos Brancos, penedías graníticas e matogueiras de Chan de Xestoso, miradoiro panorámico de Coto do Home, penedías graníticas, matogueira e brañas estacionais de Chan de Carqueixa, parque forestal e mámoa e dolmen megalíticos de Chan de Arquiña, plantacións forestais con bidueiros, carballos e castiñeiros mesturada con piñeiros de monte Gagán, área de ribeira do rego Noias ou Neibó -afluentes do rego Loira-.

Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-313 Marín Moaña até o seu kilómetro 8 no lugar do alto da Cruz da Maceira, onde hai que coller o desvío da estrada EP-0106 en dirección á lagoa de Castiñeiras, e coller máis adiante o desvío en subida a Chan de Arquiña, onde a uns 150 metros está Chan de Lagucheiros (nas inmediacións da antiga casa do garda forestal, na actualidade Casa Lagocheiras da comunidade de montes de Santo Tomé de Piñeiro).

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa lixeira e calzado de trote, protección solar, e chuvasqueiro se o día está anubrado.
https://defendeomorrazo.wordpress.com/2015/04/28/roteiro-pola-proteccion-do-monte-gagan/

Etiquetas: 

Engadir novo comentario

Plain text

  • Non se permiten etiquetas HTML.
  • Os enderezos de páxinas web e os de correo electrónico son convertidos automaticamente en enlaces.
  • Saltos de liña e parágrafo automáticos.