O Festival de Cans potenciará o "Espazo do río" e a programación infantil con música e xogos

Este área pegada á zona fluvial da parroquia contará cunha intervención de arquitectura efémera coordinada por Juan Creus

O Festival de Cans anunciou onte unha programación infantil durante o certamen para facer protagonistas aos máis pequenos do evento, este ano que cumpre a súa edición número doce.
Ademais de continuar con zonas habilitadas para os nenos e manter unha ano máis a sección "Cans de futuro" -na que teñen lugar visitas guiadas para escolares con proxeccións e coloquios-, o sábado 23 de maio, os pequenos da casa contarán con espazos no que se converterán nos auténticos protagonistas con música, animación, xogos tradicionais e obras audiovisuais, cunha serie de actividades.
A Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, quere dotar este ano ao Festival de Cans cun carácter "máis familiar que nunca". Tras inaugurar o ano pasado a zona do río de Cans como un lugar para o lecer en consonancia coa natureza, nace este ano o "Espazo do río", que definen como "unha gran área infantil pensada para gozar do festival en familia e durante o día, con actividades variadas e unha oferta de menú infantil para xantar". Con este motivo se potenciarán as liñas de autobuses para acceder a Cans nos horarios das proxeccións das curtametraxes en competición e das actividades diurnas.
O "Espazo do río" contará cunha intervención de arquitectura efémera -levada a cabo por varios arquitectos e coordinados por Juan Creus, que xa fora comisario da exposición Ducia de Cans- con zonas específicas para gozar do medio ambiente, a contorna natural e as zonas sombrías do río. Búscase deste xeito facer converxer dous conceptos que o festival quere poñer en valor este ano: o público infantil e a habitabilidade do territorio. O río converterase en protagonista da zona, querendo provocar unha reflexión sobre o valor de telo como lugar de paseo, como lugar de lecer, como paisaxe, como son do auga, entre outras", explicou Alfonso Pato. Búscase espertar nos nenos unha conciencia de preservación da contorna natural e de valorar e coidar o medio.
 
Fonte: Faro de Vigo

Etiquetas: 

Engadir novo comentario

Plain text

  • Non se permiten etiquetas HTML.
  • Os enderezos de páxinas web e os de correo electrónico son convertidos automaticamente en enlaces.
  • Saltos de liña e parágrafo automáticos.