12ª Edición do Festival Reperkusión

O Festival Reperkusión abre ata o 1 de maio a convocatoria para que artistas, grupos e compañías profesionais e amadoras presenten as súas propostas para formar parte da programación da 12ª edición do festival, que se celebrará na Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense, os días 11, 12 e 13 de xullo.
 
Na selección de propostas para a programación de día teranse en conta a súa orixinalidade e capacidade para sorprender, o seu valor artístico e cultural e a capacidade para captar novo público, ademais da adecuación ás condicións técnicas esixidas e a capacidade do espectáculo de adaptarse á rúa e a espazos abertos. Xa podedes descargar as bases da convocatoria aquí.
 
En vista da boa acollida que tivo a proposta na pasada edición, este ano tamén se seleccionarán tres das propostas de día nas redes sociais do Festival Reperkusión. Os tres artistas, grupos ou compañías que reciban máis apoios serán seleccionados pola organización para formar parte da programación. O ano pasado, finalmente foron catro os elixidos polo público: Guezos, Skarallaos, La Tarrancha e Rimbarán.
 
O Festival Reperkusión celebrará a súa 12ª edición na Cidade dos Muchachos de Bemposta os días 11, 12 e 13 de xullo. Como ven sendo habitual no festival, será unha fin de semana completa, con actividades de día e de noite que non deixarán un momento para o aburrimento. As primeiras confirmacións do programa deste ano dan boa conta da mestizaxe cultural que nos caracteriza. Pasarán polo escenario de Bemposta a rumba rockeira de Muchachito y sus compadres, a percusión o movemento e a comedia visual de Crassh, os ritmos frenéticos de Cuchufellos e o garage-punk desenfadado dos Terbutalina. As entradas xa están á venda cunha oferta especial para as 1000 persoas máis rápidas, só ata o 15 de abril, de 20 € máis gastos de xestión o abono de tres días ou 25 €, se é con acceso á zona de acampada.

Muchachito chegará á Cidade dos Muchachos en compañía dos seus compadres: o pintaor Santos de Veracruz e o guitarrista Diego Pozo, “el Ratón”, antigo membro de Los Delinqüentes e compañeiro no G-5. Despois de sete anos sentado, Muchachito substitúe o “bombo inferno” por un invento do propio, o “Tabanco Bomb”, que lle permite bailar mentres toca, e súmase a el Ratón para darlle vida a dúas guitarras frenéticas que nos fan pensar que estamos ante un concerto homenaxe ás guitarras de rúa, a esencia do noso rock. Xuntos, repasan o repertorio de Muchachito e de Los Delinquentes e versionan algunhas das súas cancións favoritas, facendo “Rumbarock Chunait” a excusa perfecta para bailar toda a noite.

Crassh é un grupo portugués que arrasa coa súa peculiar combinación de percusión total e humor. Mesturan percusión, comedia, danza, teatro e performance nun espectáculo universal, que se adapta a todos os escenarios e públicos, sen barreiras lingüísticas nin de idade. Botas, cubos, caixas de mistos, escobas, lavalouzas, cascos, revistas, pelotas de baloncesto, tubos, o noso propio corpo… todo o que nos rodea inspíralles melodías e bailes, porque para esta cuadrilla a beleza e a música son constantes cotiás presentes en todo. Nos espectáculos de Crassh o público recibe unha enerxía contaxiosa, procedente desa concepción ilimitada da arte, que o leva a participar no movemento musical como un integrante máis da banda.
Cuchufellos é unha banda multicultural formada por dez músicos incontrolables, inconformables e inclasificables. Trompeta, saxos, baixo, guitarra, acordeón e percusión son as súas armas de diversión masiva e utilízanas sen compaixón ata compartir cada concerto nunha festa. Son vellos coñecidos do Reperkusión, onde xa soaron algúns dos seus temas, con letras en galego e ritmos frenéticos que levan ao público dende os Balcáns ata Manzaneda.

Desde a súa formación en 2010, Terbutalina non parou de tocar, de medrar y facer pasalo ben. En menos de tres anos, estes cinco monógamos e promiscuos das Rías Baixas pasearon o seu intenso garage-punk por salas, festivais e festas de todo o país. A mellor mostra do rebumbio que teñen organizado está nos seus directos, nos que non existe a marxe para o descanso.

En próximas datas darase a coñecer o resto do cartel de concertos do Reperkusión. Como nas edicións anteriores, Reperkusión 2014 será moito máis que unha suma de concertos, xa que terá programación de día e de noite con numerosas actividades abertas ao público: humor, exposicións, teatro de rúa, pasarrúas, djs, obradoiros, mercadiño e o XII encontro de malabares e artes do circo.

Etiquetas: 

Engadir novo comentario

Plain text

  • Non se permiten etiquetas HTML.
  • Os enderezos de páxinas web e os de correo electrónico son convertidos automaticamente en enlaces.
  • Saltos de liña e parágrafo automáticos.