Engadir novo comentario

O documental rescatará a uns gaiteiros históricos do Morrazo para tocar no Jaliñeiro Unplugged con Poetarras e Raposo.

Cartaz do evento

O colectivo arterrorístico Poetarras -tal e como se definen eles mesmos- ofreceránlle ao público as súas mellores cancións nun directo que estará cheo de humor e retranca. As composicións e os videoclips máis experimentais e underground tamén teñen cabida no festival. Raposo, músico e actor ourensán afincado en Berlín, dará boa conta diso. Dende hoxe mesmo, os compradores dos primeiros packs de entrada+camiseta poderán recollelos en varias tendas de Rei Zentolo de Galicia ou en Tía Tata (O Porriño).
 
O festival acollerá na Sala Multiusos a estrea do documental Dos gaiteiros do mar, dirixido por Xurxo Souto e Martín Rodas. Unha peza audiovisual levada a cabo por GZMúsica que, tal e como o seu nome indica, trata sobre eles, sobre eses mariñeiros-gaiteiros que na década dos sesenta embarcaron cara ao Gran Sol nos pesqueiros galegos. Nel, nárrase como Manuel Sotelo -”Manoliño de Donón”- sempre quixo ser gaiteiro, e como aos 18 anos estivo a piques de cumplir o seu soño de tocar no palco do Carnaval do Hío, “O carnaval do gaiteiro”. A Manuel comunicóuselle unha semana antes da tan esperada data que tiña que ir ao mar e embarar. Agora, xa xubilado e corenta anos despois, o mariñeiro-gaiteiro cumplirá co seu compañeiro de entón, Lito de Pinténs, o seu desexo de actuar nun dos palcos do Carnaval do Hío, grazas a eles convertido no Carnaval dos Gaiteiros do Mar.
 
O festival de Cans, no seu intento de rescatar e amosar moitos aspectos da música tradicional esquecidos, rescatará a estes gaiteiros e protagonistas do documental que teñen ofrecido contadas actuacións para situalos nun dos lugares máis queridos e coñecidos en Cans: o Jaliñeiro. Deste xeito, estes gaiteiros do Morrazo, ofrecerán o sábado 23 de maio un concerto cargado de emotividade continuando coa liña iniciada o ano pasado con Kepa Junquera e Pazos de Merexo.
 
Estas dúas zonas -Jaliñeiro e Sala Multiusos- son propiedade de Mina e Serafín, que durante a celebración do festival ceden sempre amablemente adega, finca e galiñeiro e poñen estes espazos á disposición da organización para todo o que precise.  No intento do Festival de Cans de reconverter espazos cotiáns en novos escenarios ou espazos de cultura, hoxe en día pódese dicir que o Jaliñeiro Unplugged é dende o seu nacemento -hai seis anos- un dos espazos máis identificativos, emblemáticos e especiais do festival. Tras actuacións de músicos como Caxade, Cristina Pato, ou Kepa junquera con Pazos de Merexo, este ano Os gaiteiros do mar, Poetarras e Raposo collen o relevo para converter os momentos que compartan co público en inesquecibles lembranzas cargadas de emotividade, humor e tradición, sempre co audiovisual como punto de partida.
 
 
Retrospectiva Poetarra, humor no Jaliñeiro
O colectivo “arterrorístico” Poetarras está formado por Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde, tres rapaces que levan dende o 2013 publicando os seus vídeos na rede e facendo gala da súa creatividade mediante sketchs de corte humorístico nos que escriben, actúan, dirixen e mesmo cantan. Non intentan esconder a súa intención provocadora e o único filtro polo que pasa o seu traballo é que corresponda ao que eles mesmos consideran gracioso. Nas últimas semanas conseguiron revolucionar as redes sociais cun novo vídeo que alcanzou centos de reproduccións en cuestión de horas, indo o seu contido habitual dende temas humorísticos arredor de personaxes públicas -cono Núñez Feijóo ou Lady Di- ata o snobismo cultural ou as relacións de parella. Tras o seu paso pola pasada edición do Festival de Cans, volven de novo para encher de humor e cancións pegadizas de creación propia o noso Jaliñeiro a tarde-noite do sábado 23 de maio, no que se perfila xa como o que será un dos momentos máis divertidos deste ano. Ademais, previo ao concerto e na Sala Multiusos proxectaránse varias pezas destes tres creadores baixo o nome de Retrospectiva Poetarra. Gago, Lino e Vilaverde fánse protagonistas nesta edición da liña humorística da que xa participou Cans en pasadas edicións con Os da Ría ou Tony Lomba.
 
 
Raposo, entre o underground e a tradición
Raposo é o nome artístico do proxecto de pop do ourensán afincado en Berlín Fernando Epelde, teclista de Modulok e cantante de Agentes del Orden. Unha permanente búsqueda de cancións arriscadamente sinxelas e unha posta en escena sen artificios, aínda que con espazo para algunhas bases electrónicas, tratando de aportar a cada tema exactamente o que precisa.  Alén de presentarnos unha escolma dos seus videoclips na Sala Multiusos na tarde do día 23 de maio -nos que mestura escenas que van dende o entroido ourensán ata paisaxes berlinesas-, ofrecerá unha actuación para os asistentes ao Jaliñeiro Unplugged, un curioso e orixinal lugar para alguén que xa ten pasado por escenarios como os de: Festival de Benicassim, Monkey Week ou Fringe, entre outros.
 
 
Recollida e futura venta de entradas
A partir de hoxe mesmo, todos os usuarios que mercaron os seus packs de entrada+camiseta para esta edición poderán recollelos en varias tendas de Rei Zentolo de Galicia e tamén na tenda Tía Tata do Porriño. Co pack, recibirán unha chapa exclusiva e de edición limitada de “12 anos de agroglamour”, e tamén terán dereito a recibir un catálogo do festival que poderán solicitar no posto de merchandising do evento durante a celebración do mesmo.
 
Na primeira semana do mes de maio, a organización porá de novo á venta unha serie de entradas a través da súa tenda electrónica tenda.festivaldecans.com, e as restantes -como sucede cada ano- serán vendidas no Torreiro de Cans en datas que o festival anunciará próximamente.
 

Etiquetas: 

Plain text

  • Non se permiten etiquetas HTML.
  • Os enderezos de páxinas web e os de correo electrónico son convertidos automaticamente en enlaces.
  • Saltos de liña e parágrafo automáticos.