Engadir novo comentario

Roteiro pola protección do Monte Das Barreiras e A Pereiriña

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 1 de marzo un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da senda que vai desde Chan de Armada até a área natural das sobreiras do Monte das Barreiras e A Pereiriña, entre os concellos de Marín e Vilaboa, dentro dos espazos naturais de Cotorredondo e dos Montes do Morrazo. O roteiro, segundo e último deste inverno, será circular e sairá as 11 da mañá fronte á área forestal de Chan de Armada, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar. O percorrido transcorrerá por corredoiras, pista forestal, vial rural e o GR-59 do sendeiro ecolóxico de longo percorrido do Morrazo, polos lugares de Chan de Armada, Outeiro de Ombra, Monte das Barreiras, A Pereiriña, área de ribeira do nacemento do rego do Portiño e o núcleo rural de Sobreira. Os puntos de maior interese a visitar son as mámoas megalíticas e dolmen de Chan de Armada, mámoas de Outeiro de Ombra, plantacións de frondosas de monte comunal das parroquias de Santo Tomé de Piñeiro e de Santa Cristina de Cobres, vistas panorámicas sobre a enseada de San Simón, sobreiras do Monte das Barreiras e A Pereiriña, carballeira da área de ribeira do nacemento do rego do Portiño, núcleo rural de Sobreira.

Etiquetas: 

Plain text

  • Non se permiten etiquetas HTML.
  • Os enderezos de páxinas web e os de correo electrónico son convertidos automaticamente en enlaces.
  • Saltos de liña e parágrafo automáticos.